A Pobra contará novamente cun obradoiro de conciliación no mes de abril
Para os días non lectivos e coincidindo coa época da Semana Santa, o Concello da Pobra do Caramiñal ofrece un obradoiro de conciliación dirixido a crianzas da infantil e da primaria.
A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), acompañada da axente da igualdade, Carolina Rodríguez, explica que se continúa así coa firme aposta por favorece-la conciliación.
Este servizo desenvolverase nos días 3, 4, 5 e 10 de abril, nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras, en horario de 09.00 a 14.00 horas. O importe total establécese nos 15 euros por nena/neno, pero aplicarase un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para o/a terceiro/a.
A maiores, achégase a opción dos servizos de Madruga e Comedor (cómpre consulta-las condicións).
As prazas son limitadas, polo cal se require a inscrición previa no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial. A data límite para formaliza-lo trámite é o día 31 de marzo.
Tamén segue operativo o Espazo de Coidados Corresponsables para conciliar polas tardes. Trátase dunha prestación municipal de balde ao abeiro do Plan Corresponsables promovido e financiado con fondos procedentes do Ministerio da Igualdade.
Máis información no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6.