Executados traballos de mantemento nos vestiarios do campo de fútbol de Cadreche por un importe de 10 000 euros
Co obxectivo de garantir unhas instalacións municipais en condicións óptimas para o desenvolvemento da actividade deportiva, recentemente finalizaron unhas tarefas de mantemento no campo de fútbol de Cadreche, na Pobra do Caramiñal.
A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), detalla que os traballos se concentraron nos vestiarios. Efectuouse así a limpeza exterior, cunha máquina de presión, da parte traseira do edificio destinado ao cambio do equipamento deportivo para, deseguido, sanea-las gretas, sela-la superficie e pintar.
Tamén se actuou no interior coa limpeza de humidades e a aplicación de pintura plástica contra o mofo.
Ata o lugar desprazouse a edil acompañada da técnica municipal desta área, Ana Romero, para comproba-los resultados.
As obras foron executadas por Construcciones y Reformas Tubisan S.L., por un investimento que supera os 10 000 euros, IVE incluído.