Continúan prazas libres para o obradoiro micolóxico dirixido á rapazada
A Pobra do Caramiñal albergará do día 11 ata o día 15 de novembro a cuarta edición das Xornadas Micolóxicas, cuxa programación está composta por diversas actividades, entre elas, obradoiros.
Cómpre sinalar que continúan prazas libres para o obradoiro dirixido a cativos e cativas con idades entre os 10 e 12 anos. Trátase dunha actividade de iniciación ó debuxo da natureza titulada “Bosquexo de campo: os cogomelos”, da man de Calros Silvar, ilustrador de varias guías da natureza. Desenvolverase no sábado 14, en horario de 10.00 a 14.00 horas, no local da confraría.
A cabida máxima estipúlase en 12 persoas asistentes e o material é de balde.
Igual ca para o resto de citas, seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal tódalas persoas interesadas deberán formaliza-la súa inscrición de balde a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal.