O remo converterase en protagonista no 2 de abril coa IV Bandeira de Bateis Concello da Pobra
A IV Bandeira de Bateis Concello da Pobra, feminina e masculina, reunirá unha decena de clubs da zona norte de Galicia no 2 de abril.
As remeiras e os remeiros botaranse á auga na dársena do porto comercial baixo, a partir das 11.00 horas, co obxectivo de se alzaren coa vitoria. As bandeiras recaerán nos clubs na modalidade feminina e masculina que logren maior puntuación. Tamén se lles entregarán medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría.
A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), salienta os resultados obtidos pola entidade pobrense nas distintas categorías, ademais da súa capacidade organizativa para este tipo de probas, polo cal se erixe como un axente dinamizador da vida deportiva do municipio.
En representación da delegación pobrense, Antonio do Carmo e Adrián González apuntan que esta competición se enmarca na liga de regatas de bateis previas aos campionatos oficiais e moverá arredor de 50 equipos e, polo tanto, 500 participantes aproximadamente.
Organiza o Club Remo Puebla co patrocinio da Administración local, ademais da colaboración da Protección Civil e da Federación Galega de Remo.