A XXXVI Marcha Popular do Barbanza percorrerá a serra no 1 de maio con saída dende A Pobra
A Pobra do Caramiñal daralle a benvida ao mes de maio coa XXXVI Marcha Popular do Barbanza tal e como manifestan a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo, e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure. O itinerario partirá no día 1 do miradoiro de Valle-Inclán para, ao longo de 19 quilómetros, percorrer diferentes puntos da serra ata concluír nas Furnas, en Xuño.
A saída efectuarase ás 10.30 horas e prevese o remate arredor das 18.30 horas, cunha parada para xantar. Durante todo o periplo contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense.
Habilítase un servizo de autobús para o traslado das persoas participantes, tanto para a ida coma para a volta. O punto de encontro establécese no aparcadoiro situado nas inmediacións da praza de abastos, ás 10.15 horas.
A inscrición é gratuíta e deberase tramitar no Departamento dos Deportes, con oficina na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 09.30 a 14.30 horas, ou mediante os teléfonos de contacto 981831545 e 619229946.