A segunda sesión formativa do Campus Itinerante IV Ciclo na Pobra versou sobre a protección da vista
Un total de 35 persoas asistiu na tarde do día 14 de abril ao coloquio Para garantir a integración protexe a túa vista e os teus ollos, a cargo de María Jesús Giráldez Fernández.
Trátase da segunda sesión no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal despois da que impartiu Fernando Lino Vázquez González no día 11 sobre Depresión, ao abeiro do Campus Itinerante IV Ciclo, un programa formativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dirixido á veciñanza que supera os 50 anos e a profesionais de atención ás persoas maiores.
Esta iniciativa consta dun total de seis xornadas sobre saúde repartidas entre os catro concellos de Barbanza Arousa durante os meses de marzo, abril e maio. A primeira metade dos simposios desenvolveuse xa en Boiro e na Pobra do Caramiñal, polo cal Rianxo e Ribeira constitúen as próximas paradas.