Convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega en 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 13 de marzo de 2024 recolle a publicación da resolución pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, dos niveis correspondentes ós Celga 1, 2, 3 e 4, neste 2024.
Os exames terán lugar en Santiago de Compostela e en Ponferrada no transcurso dos meses de maio e xuño deste ano. As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.
As persoas destinatarias son aquelas maiores de dezaseis anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria, nacionais ou estranxeiras. Para se inscribiren deberán cubri-lo formulario de solicitude e aboa-la taxa correspondente. O referido documento estará á disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia.
As solicitudes presentaranse preferentemente pola vía telemática a través do formulario normalizado que se encontra á disposición na mencionada sede electrónica da Administración autonómica. Para esta modalidade de presentación poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos por esta sede electrónica, incluído o sistema Chave365. Opcionalmente, poderase entregar de maneira presencial en calquera dos lugares e rexistros permitidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente dos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG (no período comprendido entre o 14 de marzo e o 5 de abril, ámbolos dous incluídos). Tamén se deberá achega-la documentación complementaria requirida.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Pobra do Caramiñal prestará apoio á veciñanza que así o requira para a realización dos trámites e brindar máis información.