O IES da Pobra desfrutará das mellores bandas sonoras do cine
O teatro cine Elma vivirá no 21 de abril, en horario de mañá, unha xornada musical dirixida exclusivamente a alumnado do IES da Pobra do Caramiñal.
A rapazada do 4.°, do 3.° e parte do 2.° da ESO asistirá ao concerto didáctico A doce vita. Sons de cine, cunha selección das bandas sonoras de filmes que marcaron a historia da sétima arte.
Con relación a isto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, manifesta que este tipo de propostas busca complementa-los coñecementos adquiridos nas clases con saídas pedagóxicas para enriquece-lo proceso da aprendizaxe do estudantado, nesta ocasión a través dunha actividade cultural que une clásicos do cine e música.