A Pobra sumouse á loita contra a “basuraleza” coa retirada de máis de 200 quilogramos de lixo na praia da Corna
Unha nova xornada de coidado medioambiental na Pobra do Caramiñal traduciuse na retirada dun total de 205’83 quilogramos de lixo da praia da Corna ao abeiro da campaña estatal Únete a 1 m² contra a “basuraleza”!
Unha decena de persoas decidiu sumarse a esta limpeza efectuada na mañá do día 3 de xuño, que contou coa colaboración da Protección Civil. Entre os residuos presentes no areal atopábanse fragmentos grandes de madeira, un bidón voluminoso, numerosos restos de plástico, botellas, latas e algún chisqueiro, entre outros.
A concelleira do Medio Ambiente en funcións, Genoveva Hermo, apunta que esta actividade se realizou como antesala do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño, e trala adhesión da Administración local ao proxecto Libera, impulsado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes. Trátase dunha acción máis na senda das que xa se veñen facendo nos últimos anos dentro da campaña local de voluntariado Agora é o momento! A edil engade que todas elas buscan crear conciencia na preservación das contornas naturais e apelar á responsabilidade cidadá para o coidado destas, polo cal desta vez a convocatoria tamén estivo aberta a crianzas para así fomenta-lo respecto polo medio ambiente dende idades temperás.