Máis de corenta postos integrarán a feira mariñeira da Semana do Mar pobrense
A Pobra do Caramiñal exalta cada mes de xullo a súa relación co mundo marítimo a través da Semana do Mar que impulsa a Concellaría do Turismo. Trátase dunha axenda que, ademais da marcada compoñente lúdica, ten tamén un importante factor divulgativo para explorar e dar a coñece-lo estreito vínculo do municipio co mar, segundo apunta a concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela.
A edil explica que xa se están ultimando as actividades que integrarán esta edición e das cales se informará polo miúdo en vindeiras datas. O que si avanza é que a programación contará novamente coa feira mariñeira, pero que neste ano cambiará a súa dinámica con respecto a anteriores convocatorias.
Así, máis de corenta postos de artesanía e alimentación converterán as rúas céntricas da vila nun foco de atracción turística nos días 7, 8 e 9 de xullo. Engalanadas con temática mariñeira, a acción concentrarase nas inmediacións do Cantón da Leña, da praza Victoriano García Martí, das rúas Unión e do Estremo, e dos Xardíns de Valle-Inclán. Estes espazos verán incrementada a súa animación con numerosos espectáculos itinerantes para tódalas idades, ademais de dispor dunha área exclusiva para o divertimento das crianzas.