Sesión constitutiva da corporación municipal 2023-2027 do 7 de xullo
O salón de plenos do Concello da Pobra do Caramiñal acolleu neste 7 de xullo, a partir das 13.00 horas, a sesión extraordinaria para a constitución da corporación municipal para a lexislatura 2023-2027.
A xornada arrancou coa constitución da mesa de idade composta por José Carlos Vidal Suárez (de maior idade, concelleiro de Nós Pobra) e Marta Fernández López (de menor idade, concelleira do PP).
Deseguido, procedeuse coa toma de posesión dos concelleiros/as dos distintos partidos que integran esta lexislatura: PP (Manuel María Durán Guillán, María de la Encarnación González Montemuíño, Jesús Dieste Buceta, María González Santos, María Beatriz Martínez Outeiral e Marta Fernández López), Nós Pobra (José Luis Piñeiro García, Estefanía Ramos Olveira e José Carlos Vidal Suárez), BNG (María Amparo Cerecedo Sánchez e Rosana Pérez Fernández), PSdeG-PSOE (Patricia Lojo Nine) e VIxP (Eloy Sobrido García).
Posteriormente, convidouse a que os/as edís que encabezaron as listas manifestaran se mantiñan ou retiraban a súa candidatura á alcaldía: unicamente a mantiveron o PP e Nós Pobra. José Luis Piñeiro García e Estefanía Ramos Olveira (número 1 e 2, respectivamente, de Nós Pobra) renunciaron a ser alcaldables, se ben manteñen a súa acta de concelleiro/a, polo que José Carlos Vidal (número 3 de Nós Pobra) pasou a ser candidato á alcaldía.
Na votación de elección do alcalde, o concelleiro Manuel María Durán Guillán (PP) obtivo o respaldo de 6 edís (PP), mentres que José Carlos Vidal Suárez (Nós Pobra) acadou 7 (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP), polo que este último foi investido como alcalde.
Dada a coincidencia entre o candidato electo como alcalde e presidente da mesa de idade, Jesús Dieste Buceta (PP) tomou o relevo nesta última para que José Carlos Vidal Suárez (Nós Pobra) tomase posesión e recibise o bastón de mando do seu predecesor, José Luis Piñeiro García (Nós Pobra), e efectua-la lectura do seu discurso.
Ao igual ca o resto, a sesión está dispoñible na canle de Youtube do Concello da Pobra do Caramiñal.
Discurso do novo alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal Suárez
A estas alturas case todos sabedes do proceso tan complicado que nos trouxo ata aquí e tamén que eu non era a primeira opción do meu partido, Nós Pobra. O caso é que, por diversas circunstancias, son eu o que acabou sendo proposto como alcalde. Iso foi posible grazas, en primeiro lugar, á xenerosidade de Xosé Lois, quen foi capaz de botarse a un lado para poder así conseguir desbloquear unha situación moi complicada. Polo que é de xustiza, que sexa el o primeiro que apareza nos meus agradecementos.
Por suposto, tamén agradecerlle á miña asemblea a confianza que depositou en min ao elixirme como número 3 da lista que Nós Pobra presentou ás eleccións municipais. E, como non, ao BNG, PSOE e VIxP por ser capaces de unir os seus esforzos para conseguir un goberno que estou seguro vai ser eficaz e ilusionante.
Pero, sobre todo, quero facer extensivo o meu agradecemento a tódolos veciños e veciñas da Pobra. Dicirvos que eu estou aquí para servirvos, sexades de esquerdas ou dereitas, relixiosos ou ateos, traballadores ou empresarios. Non vai haber diferenzas. Esta é a vosa casa. Teño moi claro cal é o meu deber como alcalde, e ese deber é para con todos vós.
Durante 35 anos fun bibliotecario neste Concello. Non teño un perfil político e tampouco experiencia algunha neste campo, pero o que si vos podo prometer é traballo, dedicación e compromiso
Moitas grazas e a partir de xa mesmo estou á vosa disposición.