Circo, baile e música para lle da-la benvida a agosto na Pobra co Verán Cultural
Tres novas actividades para público familiar terán lugar na Pobra do Caramiñal durante os primeiros días de agosto ao abeiro da programación do Verán Cultural. Esta axenda posta en marcha pola Concellaría da Cultura en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia busca dinamiza-la vida cultural do municipio durante os meses de xullo e agosto, cun total de catorce espectáculos de balde.
Moc Moc MeRe Clown traerá o seu Circo na casa no día 1, para, a través do clown, aborda-la importancia do repartimento das tarefas domésticas. Será a partir das 20.30 horas.
As cancións e o baile marcarán a xornada do día 3, ás 20.30 horas, co show infantil A Granxa.
E a música continuará no día 4, das 22.30 horas en diante, desta vez con De Vacas e o seu concerto Rebovina.
Todas elas serán no Cantón da Leña e non requiren a inscrición previa.