Marisa Villaseca volve desprega-la súa arte na Casa Mariñeira pobrense
Do día 3 ao 30 de agosto, a Casa Mariñeira pobrense albergará unha exhibición pictórica de Marisa Villaseca.
Esta estradense que veranea na Pobra do Caramiñal dende hai máis de dúas décadas xa expuxo en 2021 e neste ano regresa cunha nova mostra diversa, tanto en canto á técnica coma á temática.
A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, destaca o carácter multifuncional da Casa Mariñeira, xa que, se ben a súa función principal é a de oficina de información turística, tamén ofrece unha pequena sala na cal anteriormente houbo outras mostras pictóricas, fotográficas, de artesanía, da camelia ou de maquetas, entre outras.
O público pódese achegar á referida instalación municipal de luns a venres, en horario de 09.30 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas, así como aos sábados, dende 10.00 ata 14.00 horas.
Xubilada do sector comercial, Marisa Villaseca xa amosaba inquietude polo mundo do debuxo dende pequena e, hai máis dunha década, deulle o empuxón definitivo tras se anotar nas clases de Baldomero Calviño e comezar coa súa produción pictórica. Nos últimos anos, expuxo outras coleccións na Fundación Caixa Galicia Vigo, na Estrada.