O Concello da Pobra xestiona os recibos das familias usuarias do campamento Móvete para a solicitude do Bono Concilia
O Concello da Pobra do Caramiñal informa de que continúa aberto o prazo para solicita-lo Bono Concilia Familia para o actual período vacacional que abrangue de xuño a setembro.
Trátase dunha axuda que outorga a Xunta de Galicia para familias con crianzas residentes en territorio galego de ata doce anos de idade, inclusive. Destínase á atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos vacacionais escolares.
No que respecta á Pobra, a Concellaría da Igualdade encárgase directamente da xestión dos recibos para as familias que fixeron uso dos obradoiros de conciliación Móvete postos en marcha pola Administración local e que desexen efectua-la solicitude da referida achega. As persoas interesadas deben acudir ao Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial, ou poñerse en contacto a través do teléfono 981832764, marcando a extensión 6.
Máis información sobre a axuda na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.