O Concello da Pobra executa o acondicionamento de varias instalacións deportivas
Catro instalacións deportivas municipais están sendo obxecto nestes días de obras de acondicionamento por un importe que supera os 7 000 euros. Segundo explica o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, estas tarefas concéntranse en pistas exteriores, tanto do núcleo urbano coma do rural, co obxectivo de que as persoas poidan desenvolver a súa práctica deportiva nunhas instalacións en óptimas condicións. Así, os ditos traballos enmárcanse no plan de mellora de dependencias para o segundo semestre deste ano.
Nas pistas do Castelo efectúase a reparación do peche perimetral, o cambio das mallas electrosoldadas detrás das portarías e a súa instalación no portal de entrada e nas dúas varandas divisoras da cancha por máis de 1 100 euros.
Tamén se actuará nas pistas do Campo da Angustia, coa súa reparación e coa substitución da rede metálica que as rodea. O investimento sitúase nos 2 541 euros.
Outra das melloras será nas pistas da rúa Doutor Lamas e Andrés, por 2 299 euros. Consistirá na remuda dunha decena de mallas electrosoldadas e o cambio doutra de simple tensión, así como da cablaxe que presente danos.
E, cun investimento de 1 331 euros, dotarase o estadio municipal da Alta dunha plataforma para o colchón de salto de altura, ademais de reforza-la estrutura existente.
O conxunto destas intervencións é executada por Cerrajería Paz García S.L.