Clausurada na Pobra unha nova edición do programa formativo de poda e enxerto
Por terceira vez, a Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal impulsou o curso de poda; programa formativo de balde que se ampliou nesta edición co curso de enxerto. Coa totalidade das prazas cubertas, a convocatoria chegou ao seu fin na pasada semana levando novamente ao terreo os coñecementos impartidos pola labrega e formadora Carme Freire Cruces.
O curso de poda rematou no 31 de agosto coa práctica en froiteiras de óso e técnicas para rebaixa-la altura das árbores, se ben se iniciou no 11 de marzo coa poda de froiteiras de pebida e proseguiu no 5 de maio coa poda en verde.
No que respecta ao curso de enxerto, a segunda e última clase tivo lugar no 8 de setembro trala primeira sesión efectuada no 10 de marzo.