A Pobra daralle a benvida ao Nadal no 2 de decembro
O acendemento do alumeamento e maila inauguración do belén municipal marcarán o inicio do Nadal na Pobra do Caramiñal neste 2 de decembro.
O acto terá lugar na praza Alcalde Segundo Durán, ás 18.00 horas, cando se ilumine a árbore alí situada e os Xardíns de Valle-Inclán, que novamente aspiran a se converter nun dos puntos máis atractivos do municipio por estas datas.
Posteriormente, o público desprazarase á praza do Emigrante para contempla-lo nacemento configurado para este ano, ademais de desfrutar da tradicional chocolatada.
A concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, xunto coa técnica municipal, Sara Sánchez, anima toda a veciñanza a participar nesta xornada que servirá para lle da-la benvida oficial ao Nadal e, polo tanto, ás actividades impulsadas dende as distintas áreas para vivir esta época festiva. No que respecta á decoración lumínica, a edil indica que o investimento da Administración local ascende aos 32 000 euros (tanto o das estradas coma as luces LED da alameda), mentres que a elaboración do belén se sitúa nos 4 000 euros. Durante a súa intervención, a edil tamén quixo valora-lo traballo da brigada municipal, que estivo inmersa nos preparativos durante as últimas semanas; especialmente, o labor de María Sanmartín, xardineira e artista encargada de cada ano darlle unha nova perspectiva ao nacemento con elementos sorpresa nel.