O estadio municipal da Alta será epicentro dun Campionato de Cros escolar no 30 de novembro
Centros de ensino e ANPA dos municipios da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón participarán nun Campionato de Cros escolar que terá lugar no estadio municipal da Alta no 30 de novembro, a partir das 11.00 horas. Reunirá no total máis de 1350 rapaces/as. Trátase dunha proba organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, ó abeiro do programa Xogade, coa colaboración da Concellaría dos Deportes, a Agrupación Deportiva Escolar As Rías e a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza.
O concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, traslada o apoio da Administración local a iniciativas que vaian na senda de “fomentar hábitos de vida saudables entre a rapazada a través do deporte; nesta ocasión, coa implicación da comunidade educativa, ó mesmo tempo que se facilita a práctica de diferentes disciplinas deportivas.”
As categorías que tomarán parte desta cita deportiva son a de benxamín/a, alevín/a, infantil e cadete, tanto masculino coma feminino, que deberán completa-la distancia correspondente.
Establécense dúas clasificacións: individual e por equipos. Daránselles medallas ós/ás 15 primeiros/as clasificados/as por modalidade.