Solidariedade e deporte sobre dúas rodas coa Papanoelada Moteira da Pobra
No 16 de decembro ruxirán os motores coa Papanoelada Moteira Solidaria organizada polo Motoclub SinFrenos e a Asociación de Grupos Moteiros Galegos coa colaboración da Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal e de numerosas empresas.
Trátase dunha cita que, en palabras do concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, “une deporte e solidariedade nunhas datas tan sinaladas a través da recollida de alimentos non perecedoiros e a visita á residencia de maiores, ademais de servir como xuntanza para os/as motoristas.”
A ruta en moto partirá ás 16.00 horas da praza Alcalde Segundo Durán, que se establece tamén como punto de entrega de alimentos non perecedoiros antes da saída, polo que pode achegar o seu gran de area a esta causa calquera persoa aínda que non sexa participante neste evento.
Sobre as 17.45 horas farase unha parada na residencia da terceira idade para visita-los maiores. Posteriormente, retomarase o percorrido sobre dúas rodas para, ao concluír, desfrutar duns petiscos no café-bar La Bolera.
Entregaranse, ademais, trofeos aos tres motoclubs máis numerosos.