A mostra do XVII Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica recala na Pobra
Unha escolma dunha trintena de obras integra a exposición correspondente ao XVII Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica promovida pola Deputación da Coruña, que chega á casa da cultura Raquel Fernández Soler.
A mostra recala na Pobra do Caramiñal ata o día 31 de marzo, composta por creacións procedentes de diferentes disciplinas técnicas (gravado calcográfico, litografías, serigrafías e xilografías) escollidas polo xurado do dito certame anual, que conta coa participación de artistas de dezanove países. Entre as pezas exhibidas atópase a gañadora desta edición: a serigrafía Ikatz/Harri II, da artista Myriam Gesalaga.
Con relación a esta exposición, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, declara que “é unha magnífica oportunidade para desfrutar do talento de creadores e creadoras gráficas de diferentes culturas.”
A sala pódese visitar de luns a venres, das 11.00 ás 13.30 e das 17.00 ás 20.00 horas.