A praia da Corna volve ser escenario dunha nova xornada de retirada de lixo
O Concello da Pobra do Caramiñal convoca unha nova xornada de limpeza de areais que se concentrará na Corna. Terá lugar no domingo 21, no horario das 16.00 ás 20.00 horas.
Nesta liña, o concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, explica que se continúa así na senda de implica-la cidadanía no coidado da natureza; nesta ocasión, no litoral, cunha acción de retirada de lixo. Engade que a Administración local lles dá continuidade así ás actividades de concienciación; unha mostra máis do compromiso en materia medioambiental.
As persoas voluntarias recibirán o material necesario para a retirada manual de elementos nocivos para o ecosistema e contarase tamén coa colaboración da Protección Civil.
Poderán participar todas aquelas persoas maiores de idade que se inscriban no enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com. A data límite é xoves 18 para a formalización do trámite.