Aberto o prazo de inscrición na reunión sobre dixitalización para negocios da Pobra
A Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal xa se atopa inmersa na organización da xornada explicativa do día 24 de abril, no Coworking da localidade, dirixida ao sector comercial, hostaleiro e pequenas empresas do municipio con relación a servizos de balde que teñen que ver coa dixitalización.
Da enquisa que se lanzou nos días pasados para coñece-la preferencia de horarios para a dita xuntanza, saíron dúas opcións: unha primeira ás 17.00 horas e unha segunda, para as 21.00 horas.
O empresariado interesado en asistir deberá cubri-lo seguinte formulario en liña co obxectivo de adapta-las reunións aos perfís profesionais: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSduN4GbFbieFIo_pRldRMwg2WtvT8LQl_2sb9jPPdgXCinvYw/viewform.
A edil Amparo Cerecedo indica que con este tipo de accións “ademais de ofrecer servizos beneficiosos para os negocios da nosa localidade, buscamos tecer redes de colaboración entre as pemes e persoas emprendedoras do Coworking da Pobra, incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.”
A data límite para se rexistrar no dito formulario establécese na última hora do día 23 de abril.