Empresariado da Pobra interesouse polos servizos de dixitalización que oferta o Concello a través de Kracia
A cooperativa Kracia, unha das empresas instaladas no Coworking da Pobra, presentou ante o empresariado local os servizos de balde para a transformación dixital aos que poden optar: redes sociais, publicidade, creatividade e auditoría web.
Esta acción enmárcase nunha iniciativa promovida pola Concellaría da Promoción Económica para a creación dunha rede de apoio mutuo entre persoas emprendedoras e empresarias.
A xornada explicativa, que se celebrou na tarde do 24 de abril, en dous horarios coa finalidade de facilita-la asistencia e a conciliación, contou coa participación dunha vintena de representantes de pemes (comercio, hostalaría, servizos…).
Segundo indica a edil Amparo Cerecedo, non só posibilitará a adaptación da súa actividade económica ao contexto actual e sacar proveito ao uso das novas tecnoloxías, senón que tamén é unha oportunidade de tecer rede entre as persoas emprendedoras instaladas no Coworking da Pobra, incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, e os negocios que xa contan con espazo físico na localidade, creando sinerxías.