Chega ao seu fin o curso de 2024 do programa de envellecemento activo da Pobra
Unha nova edición do programa de envellecemento activo da Pobra do Caramiñal finaliza coa entrega dos diplomas á veciñanza participante cun acto de clausura na tarde do 11 de decembro.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo; o director do Centro Sociocomunitario e de Benestar da localidade, Ricardo Lago; o presidente da Cruz Vermella de Boiro, Julio García; e o profesor de musicoterapia, Ignacio Crespo; fixeron entrega dos títulos ás 50 persoas asistentes. Segundo fixo saber o director do centro, precisamente, esta convocatoria acadou unha alta participación.
Trátase dunha acción focalizada na estimulación cognitiva que ten como finalidade a mellora da calidade de vida da veciñanza maior a través do fortalecemento das relacións sociais, da autoestima e de hábitos de vida saudables. Para iso, novamente, o curso estruturouse en musicoterapia, da man de Ignacio Crespo, e en envellecemento activo, a cargo da Cruz Vermella.
Neste senso, a edil considera como “aspectos fundamentais” o incentivo da socialización e da creatividade dado o seu impacto positivo, especialmente, a nivel neurolóxico para que así “as persoas maiores continúen estando activas e se sintan integradas na sociedade.” Por esta razón, trasladou o apoio da Administración local a este programa que tanta expectativa esperta e garante a continuidade do mesmo no 2025, ademais de avalia-la posibilidade de incrementa-la oferta de actividades incorporando, por exemplo, o baile.
Aproveitaron a ocasión para visualizar un vídeo-resumo do programa neste curso e despedíronse ao son dunha panxoliña para desexar felices festas.