Os obradoiros Móvete! favorecerán a conciliación na Pobra durante o verán con 180 prazas
Achégase o verán e, con esta estación, a tempada de vacacións para o estudantado. Por iso, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal bota a andar unha nova edición do obradoiro de conciliación Móvete! no marco do programa de conciliación municipal A Pobra Corresponsable.
En palabras da edil da Igualdade, Estefanía Ramos, “é un servizo que poñemos en marcha cunha dobre finalidade: por unha banda, facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal; e, por outra, ofrecer unha alternativa lúdica e de aprendizaxe para os nenos e nenas.” Durante a súa intervención tamén salientou a aposta da Administración local pola conciliación e mencionou que “neste ano nos concederon 134.000 euros para os servizos de conciliación que son o servizo de Madruga e Comedor que prestamos todo o ano e tamén para os obradoiros dos días non lectivos e dos períodos estivais” procedentes dos fondos do Plan corresponsables do Ministerio de Igualdade.
Desta vez incorpóranse dúas novidades importantes. En primeiro lugar, o prazo de inscrición é pechado: dende a publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), neste día 20, ata o 30 de maio. E, en segundo lugar, o número de prazas é limitado: 180. Estas adxudicaranse de acordo a diferentes criterios.
Dirixida a crianzas nadas entre o 2012 e 2020, esta prestación focalizarase no CEP Salustiano Rey Eiras entre o 24 de xuño e o 10 de setembro, ambas datas incluídas, en horario de 09.00 a 14.00 horas. Tamén se brinda a posibilidade de solicita-los servizos de Madruga e Comedor, segundo apuntou a axente da Igualdade, Carolina Rodríguez.
As inscricións formalizarase a través do rexistro do Concello ou da sede electrónica municipal. Deberase entrega-la ficha de inscrición debidamente cumprimentada e asinada; fotocopia do documento de identidade da nai, pai ou titor/a; e fotocopia da tarxeta sanitaria da/o menor. No que respecta a documentación complementaria figura a acreditación da situación de: familias con menores que teñan o seu padrón na Pobra do Caramiñal; mulleres en situación de violencia de xénero; familias monoparentais; familias en situación vulnerable; familias con menores en situación de acollida; familias que se atopen desempeñando un posto de traballo por conta propia ou por conta allea; familias que estean desempeñando o seu posto de traballo no municipio pobrense, aínda sen estar aquí empadroadas, ou cuxos menores estean escolarizados nalgún centro educativo da localidade.
No 6 de xuño publicarase a listaxe provisional das persoas admitidas; do 6 ao 12 de xuño realizarase o pago bancario do prezo público mediante o modelo normalizado; e no 14 de xuño publicarase a listaxe definitiva e a listaxe de agarda.
As bases completas están dispoñibles na sede electrónica municipal.
Máis información no Departamento da Igualdade, situado fronte á casa consistorial, co teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.