O Maio das Letras Galegas de 2024 conclúe coa presentación do libro Fóra de xogo, gañador do VI Premio Carlos Mosteiro
Unha relación de amizade entre dúas nenas do Afganistán unidas polos seus soños arredor dun balón e as normas do fútbol: este é o argumento de Fóra de xogo, o libro de José Luis Baños, gañador do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, certame convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a editorial Galaxia e a A. C. Barbantia.
A presentación da obra serviulle de colofón á axenda do Maio das Letras Galegas 2024 na mañá do xoves 30, na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Alí estivo alumnado do 6.º curso do CEP Salustiano Rey Eiras.
Procedeuse, ademais, coa entrega da distinción pola parte do alcalde, José Carlos Vidal; da concelleira da Cultura, Patricia Lojo; do director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; e da vicepresidenta da A. C. Barbantia, Encarna Pego; ademais da compaña da viúva do escritor homenaxeado, Lourdes Briones. Este premio supón unha dotación económica de 3000 euros, a publicación na colección Árbore da editorial Galaxia e o repartimento de exemplares entre a rapazada pobrense.
O primeiro en se dirixir ao público foi o alcalde, José Carlos Vidal, quen enxalzou a necesidade deste tipo de lecturas porque “permítennos reflexionar sobre a situación no mundo”, constituíndo tamén leccións de vida. No ámbito persoal, tamén quixo lembrar o especial vínculo que ten coa literatura, por exercer como bibliotecario municipal durante 35 anos.
Durante a súa intervención, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, destacou a calidade e o fondo do relato. Trátase, polo tanto, nas palabras da edil, dunha obra que “vai máis aló de inculca-lo hábito lector nas crianzas cunha proposta literaria amena, pois reivindica os dereitos das nenas a través do deporte nunha situación de desesperanza. E engrosa, así mesmo, a temática do catálogo ao abeiro do Carlos Mosteiro.” Anunciou tamén que a Administración local “seguirá coa súa aposta por este certame para lles achegar boas lecturas e en galego ás novas xeracións, ao tempo que se promoven novos autores e autoras e se homenaxea un veciño pobrense que traballou arreo pola cultura.”
En representación da editorial Galaxia, o director de edicións, Marcos Calveiro, salientou que a obra premiada tamén é sinónimo de reivindicación, igualdade e amizade. “A cousas tan simples no voso día a día hai nenos e nenas que non teñen acceso”, poñendo como exemplo o balón de fútbol, se ben, avanzou, o relato ten un final esperanzador.
Nesta mesma liña tamén se pronunciou a vicepresidenta da A. C. Barbantia, Encarna Pego, precisando que na obra se albisca unha certa denuncia a países que non cumpren cos dereitos humanos. “A Carlos Mosteiro encantaríalle que este libro, con esta temática, formase parte dun conxunto premiado co seu nome”, remarcou.
Antes de recibi-lo cheque coa contía económica, o autor, José Luis Baños, pechou o acto. Indicou que, igual que o premio lembra a figura de Carlos Mosteiro, este relato lembra a situación no Afganistán nun momento en que vivimos a unha velocidade máis acelerada e en que os sucesos se borran rapidamente da memoria colectiva.
Entregouse como obsequio cadanseu exemplar entre a rapazada, quen tivo ocasión de levalo con dedicatoria do autor.
O texto de José Luis Baños alzouse co galardón entre os preto de trinta orixinais presentados. O seu nome queda xa asociado de maneira oficial ao de Carlos Mosteiro xunto ás persoas gañadoras nas anteriores edicións: Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; repetiu Neira Cruz con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos; e Teño un volcán dentro, de María Canosa.