A auga da praia dos Areos volve ser apta para o baño
A contraanálise practicada pola Consellaría da Sanidade na praia dos Areos reflicte que a auga volve ser apta para o baño, segundo se lle comunicou no mediodía deste 5 de xullo ao Concello da Pobra do Caramiñal.
Os niveis volven se-los habituais, sen supor ningún perigo para a saúde das e dos bañistas deste areal, tralo episodio puntual de contaminación microbiolóxica sobre o cal recibiu a comunicación a Administración local na mañá do día 4. Este detectouse ao abeiro do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia 2021-2025, con probas rutineiras entre os meses de maio e setembro para coñece-la evolución da calidade das augas para o obrigado cumprimento da normativa europea.
En consecuencia, a Concellaría do Medio Ambiente xa procedeu coa retirada dos carteis informativos que advertían de absterse do baño, temporalmente, na dita praia.
Cómpre lembrar que, un ano máis, as zonas de baño da Pobra acadaron a cualificación de “Excelente”, segundo a clasificación sanitaria final na pasada tempada, vixente para este 2024. Aquí avaliáronse seis zonas de baño do litoral pobrense: A Barca, A Corna, Os Areos, A Illa, A Lombiña e Os Raposiños. Estes datos son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental, e do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade).