A Pobra dálle a benvida á Semana do Mar cunha exposición de aves mariñas
O cartel da Semana do Mar arranca neste 5 de xullo coa exposición Compañeiras do mar e do ceo, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).
Composta por media ducia de paneis instalados na Casa Mariñeira, a dita mostra busca divulgar e valoriza-la importancia da conservación das aves mariñas, así como a súa relación coas actividades pesqueiras. Estas atópanse presentes en tódolos océanos do planeta, perfectamente adaptadas ás condicións da vida do mar, que constitúe o seu medio para subsistir. Na costa galega, destaca a existencia dalgunhas das máis importantes colonias da Península Ibérica.
Poderase visitar ata o día 14, de luns a venres, das 09.00 ás 14.00 e das 17.30 ás 20.00 horas, e, ós sábados, das 10.00 ás 14.00 horas.
Esta axenda de actividades continuará na vindeira semana “co afán de seguir explorando e exaltando a relevancia do mundo marítimo na nosa vida en diferentes ámbitos. Temos nesta convocatoria da Semana do Mar unha exposición, unha función, gastronomía, un taller e a feira mariñeira. Son propostas de carácter lúdico que nos ofrecen outra perspectiva dese vínculo co mar”, salienta a concelleira do Turismo, Estefanía Ramos.
No día 8 representarase o espectáculo infantil Abordaxe pirata, de Barafunda Teatro. Será ás 20.30 horas, no Cantón da Leña.
Na xornada seguinte, día 9, porase o foco na gastronomía cunha mostra e degustación culinaria con base na conserva, con Miguel Mosteiro. Terá lugar nos Xardíns de Valle-Inclán, ás 20.00 horas.
O turismo mariñeiro vivirase na propia praia no día 12 para experimentar en primeira persoa o oficio das mariscadoras. A saída efectuarase dende a Casa Mariñeira con dirección á praia dos Areos, ás 11.00 horas, e require a inscrición previa, se ben é de balde.
E a feira mariñeira dinamizará o núcleo urbano nos días 12, 13 e 14. Arredor de 40 postos de artesanía e alimentación concentraranse na praza de Victoriano García Martí, no Cantón da Leña, nas rúas do Estremo e da Unión e nos Xardíns de Valle-Inclán. Habilitarase tamén unha área exclusiva para o divertimento das crianzas.
Máis información e reserva da praza no obradoiro de marisqueo a pé a través das seguintes canles: de maneira presencial na propia oficina do turismo (no horario indicado con anterioridade); telefonicamente no 981843280 (marcando a extensión 2035), 687482835 ou 671090262; e no enderezo electrónico turismo@apobra.gal.