Máis dun cento de persoas pasou polo Museo Valle-Inclán pobrense nos primeiros días de xullo
O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal recibe o mes de xullo con máis dun cento de persoas interesadas neste ben de interese cultural (BIC) e nos recursos orixinais e inéditos que custodia.
Unha delegación procedente de Castropol, en Asturias, coñeceu na mañá do día 3 de xullo esta institución museística da man do seu director, Antonio González, e da técnica municipal, Sara Barbazán, que lle aproximaron máis o legado de Ramón del Valle-Inclán. Posteriormente, desprazáronse pola ruta valleinclaniana da localidade ata o núcleo histórico do Castelo, para pór alí o foco na igrexa de Santiago do Deán e no pazo do Couto.
E no 4 de xullo pasou pola torre de Bermúdez unha quincena de persoas usuarias da Asociación Ambar, interesadas tamén nos recursos deste museo.
As visitas comentadas enmárcanse na liña estratéxica da Concellaría da Cultura para valoriza-lo legado do escritor, o seu vínculo vital e literario coa vila e todo o relacionado co ronsel valleinclaniano.
O horario de visitas durante o verán establécese de martes a sábado, das 11.00 ás 14.30 e das 17.00 ás 20.00 horas. Para outros servizos e consultas están ao dispor os teléfonos de contacto 981831662 e 681173484, ademais do enderezo electrónico museo.valleinclan@apobra.gal.