
Pedaladas con fin solidario na Pobra coa Festa da Bici
A Pobra do Caramiñal prepárase para pedalear no 14 de xullo con motivo da trixésimo segunda edición da Festa da Bici, que comezará ás 11.00 horas na praza Alcalde Segundo Durán, tamén lugar da meta.
Como xa é habitual, esta cita destaca pola súa vertente solidaria coa achega dun quilogramo de alimentos non perecedoiros no momento da inscrición no propio día e na dita praza, a partir das 10.15 horas.
O percorrido grande consta de case 10 quilómetros que discorrerán por zonas urbanas e rurais, con parada de avituallamento. Tamén se contará cun itinerario pequeno, dirixido a crianzas menores de 8 anos ou rapazada maior desa idade con dificultades para completa-la ruta longa. O tramo é de, aproximadamente, 1’5 quilómetros polo centro da localidade.
A este respecto, o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, salienta que “unha vez máis temos unha proba que reúne o fomento dun estilo de vida saudable e a solidariedade. Esta festa sobre dúas rodas está máis ca asentada no calendario deportivo local e, cada ano, supera as duascentas inscricións, con participantes de tódalas idades. Pretendemos, polo tanto, que arredor desta cita ciclista se xere un punto de encontro interxeracional. E, aínda que é unha festa de carácter, principalmente, deportivo, tamén promove a mobilidade sostible.” O edil agradécelles, así mesmo, ás entidades colaboradoras e medios de apoio a súa implicación na organización e no dispositivo: Policía local, Protección Civil, Motoclub SinFrenos, Sport Bike, Sport Maniotas/Sportmoda, Gadis e Eroski.
Para divertimento das nenas e nenos tamén se disporá na referida praza dun inchable e unha xincana de habilidade e destreza sobre dúas rodas. A maiores, sortearase unha bicicleta e outros agasallos.