O veleiro Mascato volve navega-la costa da Pobra a partir de mediados de xullo
O turismo náutico ten unha forte presenza na axenda turística da Pobra do Caramiñal para desfrutar do verán. Unha das actividades que se ofertan para explora-lo mar son as viaxes en veleiro.
O Mascato volverá navega-las augas da ría da Arousa a partir desta fin de semana. Como afirma a concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, “estas travesías brindan a posibilidade de aprecia-la paisaxe e o patrimonio costeiro en primeira persoa. Veciñanza e visitantes terán a oportunidade de desfrutar da navegación a vela e aprecia-lo noso litoral dunha maneira diferente.”
Estas pequenas singraduras terán lugar nos meses de xullo (sábados e domingos a partir do día 13) e agosto (sábados e domingos ata o día 18). A duración é de hora e media con saídas en quendas de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas. O importe a pagar para desfrutar desta experiencia é de 15 euros por persoa adulta, mentres que baixa aos 10 euros para menores de 12 anos.
Máis información e inscricións na oficina do turismo, situada na Casa Mariñeira; no enderezo electrónico turismo@apobra.gal; ou nos teléfonos de contacto 981843280 (marcando a extensión 2035), 671090262 e 687482835.