Trece establecementos sacan os seus produtos á rúa da Pobra do 9 ao 11 de agosto
Téxtil, calzado, alimentación, artesanía… Isto é o que o público poderá atopar nunha nova edición do Comercio na Rúa, que se desenvolverá na praza do Emigrante, do día 9 ao 11 de agosto. Trátase dunha proposta coa cal a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal busca incentiva-las compras no pequeno comercio aproveitando o bo tempo e o aumento da poboación na localidade durante o verán.
A edil Amparo Cerecedo incidiu na importancia de promover este tipo de iniciativas dende a Administración local para “dinamiza-la vida económica do municipio; nesta ocasión, sacando á rúa os produtos do comercio polo miúdo, do comercio de quilómetro 0, para poñer así en valor os artigos de calidade que ofrecen, a atención personalizada e o trato próximo”, ao mesmo tempo que se xera un espírito de comunidade. Destacou tamén o incremento da participación e heteroxeneidade nesta convocatoria, que pasa dos 5 establecementos do anterior ano aos 13 do actual, tanto da Pobra coma doutros municipios: Mandarina, Mi Barquito de Papel, El Armario de Mi Amiga, Fina Campaña, Burbujas, Paino Maina, Inés Marcos, Azafrán, Lusco Fusco e os artesáns e as artesás Noites de Datura, Flow de Meiga, Jéssica Tahim e Mil Colores. Todas elas e eles estarán situados en postos cunha coidada estética, coma se estivesen nos seus propios locais, para poñer en valor a imaxe comercial.
E tamén hai novidades, pois esta iniciativa non se limita á transacción comercial, como salientou Cerecedo. Haberá un stand de trocos de artigos e outro con recomendacións para, por exemplo, o coidado da roupa.
Pola súa parte, a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, enumerou os obradoiros de balde cos cales tamén se avivará a afluencia nesas datas: ópera e break dance (venres 9, ás 21.00 horas, con Esperanza Mara e A Vella Escola, financiada pola Secretaría Xeral da Lingua dentro do programa FalaRedes), tai-chi (no sábado 10, das 11.00 ás 12.00 horas, con Sergio García), bailes latinos (no sábado 10, das 21.00 ás 22.00 horas, con Tania Dorca), swing (no sábado 10, das 22.00 ás 23.00 horas, con Carlos Tomico), ioga (no domingo 11, das 11.00 ás 12.00 horas, con Punto Zen Yoga Estudio) e baile tradicional (no domingo 11, das 12.00 ás 13.00 horas, con Arrancadeira). Requírese a preinscrición a través do enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com, se ben tamén haberá prazas dispoñibles nos propios talleres.
A inauguración terá lugar no venres 9, ás 20.30 horas, e o horario de apertura será no venres 9, das 20.30 ás 23.00 e no sábado 10 e domingo 11, das 11.00 ás 23.00 horas.
Falou, así mesmo, María Triñanes, de Zapatería Mandarina, quen valorou positivamente a súa experiencia en anteriores convocatorias desta proposta. Considera que é “moi beneficiosa” para o sector por congregar varias tendas nun único lugar, servindo como punto de unión, ademais de lle achegar á veciñanza a presenza destes locais, especialmente entre a mocidade.