A Pobra despide o verán coas festas do Nazareno
A época festiva despedirase na Pobra do Caramiñal co Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Do 13 ao 16 de setembro terá lugar unha nutrida programación lúdica da que destaca a novidade que iluminará o ceo nocturno da localidade no luns 16, como broche de ouro do cartel. Aquí combinaranse drons, de Flock Drone Art, e fogos de artificio ao compás da música, converténdose no primeiro espectáculo destas características en toda Galicia, para o cal se recomenda situarse no propio paseo dos Areos, a partir da rampla, mirando cara o mar.
E, na vertente relixiosa, a procesión votiva das mortallas atraerá a multitude de fieis no domingo 15, con saída dende a igrexa de Santiago do Deán, ás 10.30 horas. Para garantir que todo transcorra sen incidentes, o Concello porá en marcha un amplo dispositivo de seguridade e emerxencias sanitarias. Activarase, así mesmo, o Espazo Violeta, na praza Alcalde Segundo Durán, cun horario vencellado ao ocio nocturno.
Xa no acto de presentación de finais do mes de agosto, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, salientara que “temos o firme compromiso de, sen renunciar á súa identidade, redimensionar as nosas celebracións para que vaian medrando a cantidade, diversidade e calidade das propostas de ocio. Por iso teremos os concertos de artistas locais como Maneiro e Human, pero tamén teremos un tributo a Michael Jackson ou as orquestras Olympus e París de Noia. Tamén decidimos innovar conxugando drons e fogos artificiais para un broche de ouro á altura destas festas.” Tamén se referira ao cambio no formato organizativo neste 2024, pois “como xa avanzamos en anteriores ocasións, co obxectivo de alivia-lo traballo das comisións de festas do noso municipio, cambiamos a fórmula de colaboración. O Concello asume tres días de festexos que se corresponden co venres, sábado e luns, mentres que o domingo é asumido pola comisión á que apoiamos tamén cunha subvención.”
Nesta mesma liña falara tamén o alcalde José Carlos Vidal: “o Concello destina máis de 100.000 euros para que cidadanía e visitantes desfruten das festas do Nazareno.”
Este período festivo iniciarase no venres 13, xornada na que terá lugar o pregón, ás 21.15 horas, a cargo da Protectora Moura. E, para outorgarlle un matiz característico, convídase a veciñanza e visitantes a que asistan coas súas mascotas. Para o rexedor, esta decisión fundaméntase “no recoñecemento do activismo e do encomiable labor deste grupo de persoas voluntarias para a defensa dos animais mediante a protección e rescate daqueles en situación desfavorecida ou de desamparo, así como na xestión e seguimento de adopcións.” Como titular da Concellaría do Benestar Animal, subliñou tamén o seu traballo no centro de recollida de animais abandonados. “A Administración local ten asinado un convenio con esta protectora, mediante o cal se lle atribúe a xestión desta instalación municipal. Esta entidade animalista goza de gran dinamismo, compromiso no coidado dos animais que alí temos e determinación na busca dun fogar adecuado”, precisou.
Nesa mañá farán entrada na vila o Grupo de Gaitas Xiada e a Banda de Música Municipal de Redondela, ás 12.00 horas, para esta última dirixirse aos Xardíns de Valle-Inclán, ás 13.00 horas, para ofrecer un concerto que se repetirá ás 20.00 horas. E á noite haberá rock con Human e Maneiro, a partir das 22.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para acabar cunha disco móbil.
A música tradicional e as bandas protagonizarán o sábado 14. A Banda de Música Unión Musical de Valladares, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada farán pasarrúas das 10.00 horas en diante. Estas mesmas agrupacións seguirán animando a vila cara ao mediodía. As dúas primeiras darán un concerto nos Xardíns de Valle-Inclán, a partir das 12.15 horas, mentres que Xiada realizará pasarrúas polo rural e O Son do Pote continuará levando a música ás rúas da vila. Na tarde, ás 19.15 horas, repetiranse as sesións musicais de San Xoán de Paramos e Unión Musical de Valladares, para, ás 21.15 horas, emprende-lo pasarrúas de despedida das agrupacións dende a casa consistorial ata a zona do Castelo. A verbena chegará da man de Trébol, a partir das 22.30 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para dar paso a un dos pratos fortes da celebración: Michael Legend, o tributo a Michael Jackson, á medianoite. Haberá tamén segundo pase da orquestra Trébol e rematarase cunha disco móbil.
O momento máis agardado é a procesión votiva das mortallas, no terceiro domingo do mes, día 15. Sairá da igrexa de Santiago do Deán, ás 10.30 horas, acompañada de fieis. Posteriormente, oficiarase a misa cantada no dito templo. Dende ben cedo, ás 10.00 horas, farán entrada na localidade a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada, ademais dos concertos nos Xardíns de Valle-Inclán, na praza de Maura e na de Victoriano García Martí, ás 13.00 horas. Así mesmo, os Xardíns converteranse en escenario musical coas actuacións do Grupo de Gaitas O Son do Pote e a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, ás 18.15 horas; o Coro Tradicional Ximiela, ás 19.00 horas; e a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, ás 20.00 horas. Tocará bailar a partir das 21.30 horas con La Oca Band e Olympus, na praza Alcalde Segundo Durán.
Será o momento de despedi-las festas do Nazareno no luns 16, festivo local. Os pasarrúas arrancarán ás 10.30 horas coa Banda de Música de Muimenta, a Banda de Gaitas Os Chaneiros, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada (que fará alborada polo rural). Así mesmo, Os Chaneiros dinamizará os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura e a de Victoriano García Martí, das 12.30 horas en diante, mentes que O Son do Pote fará o propio polas rúas da hostalaría. A zona da Covecha encherase de cor coa Festa Holi Pobra, ás 16.30 horas, que non require inscrición para asistir. Despois tocará desprazarse novamente aos Xardíns, ás 19.00 horas, para escoitar a tódalas agrupacións. E a París de Noia marcará o ritmo da noite, a partir das 21.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para contempla-lo espectáculo no ceo nocturno, ás 00.15 horas, como colofón.