O Museo Valle-Inclán da Pobra adquire unha nova dimensión con máis fondos e unha nova sala de exposición
O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal acrecenta os seus fondos especializados para exhibir a veciñanza e visitantes grazas á ultima cesión efectuada polo investigador e neto do escritor, Xaquín de Valle-Inclán Alsina. Como consecuencia, o Concello da Pobra do Caramiñal avaliou as distintas opcións de ampliación da institución museística e, finalmente, optou por converte-la edificación contemporánea anexa á Torre de Bermúdez, coñecida ata o momento como o auditorio, en sala de exposición e centro de investigación. Alí exporanse obxectos que pertenceron a Ramón del Valle-Inclán, así como parte da súa biblioteca, dando así cumprimento ao compromiso adquirido no Pleno da corporación. E, ademais, reformulouse a coñecida como sala de Iconografía Contemporánea. A estrea oficial de todo isto farase coincidir coas XXVI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.
Segundo deron a coñecer a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, isto motivou unha serie de melloras: adquisición de mobiliario, restauración da madeira do chan do antigo auditorio e substitución da superficie da sala de Iconografía Contemporánea. Todo isto cun investimento que supera os 35.000 euros, con cargo ás arcas municipais. “Apostamos polo Museo, queremos que creza e que siga sendo de referencia en España”, en palabras da edil, polo que tamén se executarán outra serie de intervencións en futuras datas.
E o auditorio pasa á planta superior da biblioteca municipal Victoriano García Martí, con arredor de 60 butacas, ademais dun segundo que se está acabando de ultimar no local da confraría de pescadores, onde tamén se habilitará unha aula de estudo. Isto supón a “creación dun eixo cultural” debido á proximidade das referidas instalacións culturais, manifestou Lojo.
Pola súa parte, o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, explicou que na sala de Iconografía Contemporánea se amosará toda a obra de arte plástica doada por Siro López, Domingo Regueira, Héitor Picallo, Xoán Fernández ou Manuel Ayaso, entre outros. “Vai a ser un punto de referencia pola iconografía contemporánea a nivel galego, como mínimo”, fixo fincapé González. E, no que respecta á creación do centro de estudos valleinclanianos, incidiu en que “o Museo vai converterse nun centro de referencia nacional e internacional para os investigadores.”