
O xogo-concurso As sete Rosalías continúa ata o 28 de febreiro
No 24 de febreiro conmemórase o día dunha das intelectuais máis representativas da cultura galega, dentro e fóra das nosas fronteiras. A figura de Rosalía de Castro chega aos nosos días como un dos máximos expoñentes da nosa idiosincrasia. Por todo isto é preciso continuar co labor divulgativo da súa persoa, obra e, polo tanto, do seu legado.
En consecuencia, no presente ano, respectando as medidas sanitarias adoptadas pola situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 e tras realiza-las consultas pertinentes á Administración autonómica, a praza que leva o nome da escritora foi escenario no propio mércores 24, ás 13.00 horas, do tradicional acto institucional consistente na lectura pública e ofrenda floral.
Así mesmo, como novidade botou a anda-la proposta As sete Rosalías. Trátase dun xogo-concurso dirixido ás crianzas para lles achegar Rosalía de xeito didáctico e cun compoñente lúdico. A dita actividade consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro da intelectual acompañado de versos seus. Estas pezas expóñense nos escaparates de diversos establecementos locais da Pobra dende o día 22 ata o 28 de febreiro.
O desafío reside en buscar nos escaparates dos locais do municipio as 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel deste ano, xa que non todas son iguais. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. De lograren supera-lo reto, deben entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados.
No 2 de marzo realizarase un sorteo entre tódolos cativos e cativas acertantes, e efectuarase o repartimento dun total de 25 premios consistentes nunha botella térmica e uns auriculares sen fíos.