A Pobra, Boiro e Rianxo desenvolven conxuntamente o Obradoiro de Emprego Xuventude I
Os concellos da Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, co apoio da Xunta de Galicia, desenvolven conxuntamente o Obradoiro de Emprego Xuventude I centrado en operacións auxiliares e mantemento de sistemas informáticos.
Precisamente, representantes destas Administracións asistiron a Boiro no 28 de outubro para a inauguración do dito obradoiro, nomeadamente, os alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo (José Carlos Vidal, José Ramón Romero e Julián Bustelo, respectivamente) e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Un total de 15 persoas beneficiaranse das oportunidades que brinda o Obradoiro de Emprego Xuventude I ao formarse en ámbitos de gran demanda por parte de empresas como, por exemplo, a montaxe de equipos informáticos e as operacións auxiliares de mantemento de sistemas informáticos, ademais de realizar operacións auxiliares con Tecnoloxías da Información e da Comunciación (TIC). A maiores, obterán un certificado de profesionalidade e, unha vez completen as aulas, terán a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas. O contrato será para a formación en alternancia, cunha retribución do salario mínimo interprofesional e unha xornada de traballo a tempo completo durante 12 meses, de luns a venres, en horario de 07.30 a 15.30 horas.
Os tres municipios volven unir forzas como xa fixeron co Programa Integrado de Emprego (PIE) destinado a un cento de persoas da comarca inscritas como demandantes de emprego que van recibir formación específica acorde aos sectores produtivos da zona, así como xornadas destinadas a mellora-las habilidades de empregabilidade e inserción laboral.
Estes talleres contan cun financiamento de 1’3 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.