As persoas usuarias do centro de día da Pobra, protagonistas da exposición Retratos na memoria
Pintura e fotografía con enfoque social únense na exposición Retratos na memoria que se exhibe na casa da cultura Raquel Fernández Soler ata mediados de decembro. Un total de 27 obras cargadas de forte expresividade (10 óleos e 17 instantáneas) que aproximan ao público ás persoas usuarias do centro de día da Pobra do Caramiñal.
A fotógrafa Paola González e o pintor Andrés Bernal foron os artistas encargados de plasmar estas historias de vida. Durante o acto inaugural que tivo lugar no mediodía deste 15 de novembro, ambos precisaron que é unha homenaxe amorosa a cada unha das persoas reflexadas na mostra e ao equipo de profesionais do centro. “Tódalas etapas da vida teñen unha dificultade e, se hai alguén que che faga o camiño moito máis fácil, mellor”, manifestou Paola. Tamén se amosou agradecido Andrés ao declarar “isto forma parte do soño que teño de ser artista.”
Non é a primeira vez que o público pobrense ten ocasión de desfrutar na referida sala municipal do talento de Bernal, quen estivo presente na mostra colectiva Inquedanza IV durante o mes de xullo, tal e como apuntou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen se referiu á casa da cultura como un relevante espazo difusor de diversas disciplinas plásticas.
O xerente adxunto do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Vítor Díaz-Pache, incidiu na expresividade destes cadros que trasladan “toda a vida que hai detrás deles.” Neste senso, fixo fincapé na importancia dos centros de día como axentes dinamizadores dentro da súa comunidade.
Finalmente, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, explicou que esta exposición é o punto álxido do proxecto Retratos na memoria que se desenvolveu ao longo de todo o ano co centro de día. A este respecto, definiu a arte como unha ferramenta terapéutica.
A música chegou da man das Rianxeiras da Covecha, que interpretaron varias pezas a viva voz acompañadas das súas pandeiretas.
As visitas poden efectuarse ata o 18 de decembro, de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.