Quince empresas vinculadas á ría da Arousa participaron no proxecto ESClimaTIC que mide o impacto do cambio climático
O proxecto ESClimaTIC (acrónimo de Estratexia, Clima e Tecnoloxías da Información) dá un paso máis neste 2024. A dita iniciativa impulsada pola cooperativa Dálle que Dálle cofinanciada pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal busca medi-lo impacto do cambio climático nas pequenas e medianas empresas dependentes directa ou indirectamente do sector do mar na ría da Arousa para que teñan as ferramentas necesarias de adaptación que lles permita reduci-la súa vulnerabilidade e incrementa-la resiliencia “dado que negocios desta índole son máis susceptibles de desaparecer ante os cambios que se aveciñan no futuro polo quecemento global e a contaminación marítima, polo que, nunha poboación mariñeira como A Pobra do Caramiñal, poría en perigo o sistema económico local no futuro”, segundo explica a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo. “Por iso decidimos apostar por este proxecto tan significativo para o sector do mar”, engade.
Tralos obradoiros en colaboración cos pósitos dos municipios participantes, desenvolveuse unha experiencia piloto con quince empresas que puideron probar unha ferramenta interactiva e intuitiva para a autodiagnose e a planificación estratéxica do impacto do cambio climático na súa actividade.
Dende principios de ano realizouse un traballo de recompilación de información con axuda dos axentes do mar, concretamente, con representantes das confrarías da Pobra do Caramiñal, Vilanova, Cambados e O Grove. Utilizouse, ademais, un sistema pioneiro deseñado pola ONU para avalia-lo estado de todo o sistema pesqueiro dependente da ría, que posibilitou deseñar medidas focalizadas na sostibilidade futura do sector. Tanto estas medidas como as impresións xerais obtidas da experiencia piloto serán expostas nunha xornada final no 29 de novembro, ás 12.00 horas, no Auditorio de Vilagarcía, e tamén se fará na Pobra do Caramiñal a comezos de decembro.
Este proxecto foi seleccionado entre máis dun cento de candidaturas a nivel nacional e conta tamén co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través da convocatoria de subvención para a execución de iniciativas que contribúan a implanta-lo Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático (2021-2030).