A Pobra será escenario do Campionato Provincial de Cros no 14 de decembro
O Campionato Provincial de Cros regresa á Pobra do Caramiñal. Esta cita deportiva desenvolverase nas inmediacións da praia da Lombiña-Cabío no 14 de decembro, a partir das 11.00 horas, da man da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia coa colaboración da Concellaría dos Deportes da Pobra do Caramiñal, a Agrupación Deportiva Escolar As Rías, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo (FGA).
“Temos un forte compromiso co fomento da actividade física durante todo o ano e entre toda a poboación. Por iso, ademais das propias actividades municipais, colaboramos con outros entes no transcurso doutros eventos. Esta proba de cros posibilitará a práctica deportiva nunha disciplina de fonda tradición histórica en Galicia ao tempo que se desfruta dunha contorna de gran riqueza paisaxística e medioambiental”, relata o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido.
A dita competición abrangue as categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto masculina coma feminina. Cada atleta deberá completa-la distancia que lle corresponda segundo a modalidade. Establécense dúas clasificacións: individual e por equipos. Farase entrega de medallas e trofeos.