![](https://apobra.gal/wp-content/uploads/2024/12/Inicio-terceira-fase-Camiño-Real.jpg)
Comezan as obras da terceira fase da reforma integral do Camiño Real
Recentemente iniciouse a terceira fase da reforma integral do Camiño Real, no treito correspondente co Conchido.
O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, incide na importancia destas obras non só dende o punto de vista de mellora das infraestruturas, senón tamén medioambiental. Tamén se pronuncia a concelleira das Obras, Patricia Lojo, para quen “este é un exemplo máis do compromiso e esforzo do Concello por achegarlle servizos básicos á veciñanza.”
Procederase coa creación dunha rede separativa de recollida de augas pluviais e de saneamento, cos respectivos pozos de rexistro e sumidoiros necesarios. Disporase de diversos bombeos que canalizarán as verteduras cara á estación depuradora de augas residuais da Pobra. Finalmente, reporase todo o firme con aglomerado asfáltico, logo da fresadura do pavimento actual. A dita intervención foi adxudicada á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A., por un importe total de 90.512’61 euros, cun prazo de execución de 4 meses.