A Pobra despide a edición especial de Nadal dos obradoiros de artesanía Feito coas túas mans
Adornos, estampaxe, esmaltado e bonecas de trapo foron os obradoiros de artesanía que integraron a edición especial de Nadal do programa de artesanía Feito coas túas mans, promovidos pola Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal para estas datas en colaboración con Artesanía de Galicia.
Os talleres remataron na tarde do 12 de decembro con clases para a confección de bonecas de trapo a cargo de Wooding. A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, desprazouse ata a casa mariñeira reconvertida en Fogar do Nadal para comproba-la percepción das persoas asistentes. Logo disto, a edil valora positivamente a participación no programa dado que “se completaron a totalidade das prazas ofertadas en cada un dos obradoiros con temática adaptada a esta época.” A dita iniciativa xurdiu para “potencia-la creatividade da veciñanza e amosa-la recuperación de profesións tradicionais e a elaboración de obxectos de maneira manual que se estaban perdendo.”
Nas semanas previas tamén se ensinou sobre esmaltado en po sobre metal en cocción a baixa temperatura, con Latonta y Larubia; estampaxe, da man de Amor o Teu; e adornos, grazas a Como pez en el agua.