
A Pobra promoverá a conciliación das familias co lanzamento dunha nova edición do programa ‘Móvete’!
O Concello volverá promover a conciliación das familias durante o período estival co lanzamento dunha nova edición do ‘Obradoiro de Conciliación do Verán, Móvete!’. A concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, presentou, esta mañá, próxima convocatoria desta actividade, que está encadrada no programa municipal ‘A Pobra Corresponsable’, cofinanciado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdad. Tal e como explicou a edil, a iniciativa busca cumprir un dobre obxectivo: “a conciliación da vida laboral e familiar nos períodos non lectivos segue a meta principal, pero ‘Móvete!’ é tamén unha alternativa lúdica e de aprendizaxe para a rapazada”.
O programa, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos (nados entre 2013 e 2021), levarase a cabo no CEP Salustiano Rey Eiras entre o 23 de xuño e o 5 de setembro (ambos incluídos), agás nas fins de semana e festivos. Establécense catro períodos: o primeiro abranguerá do 23 ao 30 de xuño, o segundo será do 1 ao 31 de xullo, o terceiro do 1 ao 31 de agosto e, por último, o cuarto do 1 ao 5 de setembro. En canto ao horario de atención, este será de 9.00 a 14.00 horas, ofrecéndose servizo de madruga e comedor para as familias que así o pidan. En total, ofreceranse 150 prazas das que, 60 estarán destinadas ao alumnado de infantil e 90 ao de primaria.
O prazo de solicitude estará dispoñible ata o venres, 30 de maio, podendo realizarse tanto a través da sede electrónica como no rexistro do Concello (de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas). Ademais da ficha de inscrición, as persoas interesadas deberán presentar copias do documento de identidade da nai, pai ou titor/a do neno, da tarxeta sanitaria do menor e a documentación complementaria. As persoas que precisen máis información poderán chamar ao teléfono 981 832 764 (extensións 5 ou 6) ou enviar un correo a igualdade@apobra.gal.

Bases convocatoria programa Móvete 2025
Anexo I Ficha de inscrición Móvete 2025
Anexo II Aboamento de taxas Móvete 2025



