
O Cine Elma acollerá a estrea da curta ‘Adeus, Berta’, ambientada na Pobra
Como parte do Maio das Letras, A Pobra acollerá, esta semana, a estrea da curtametraxe Adeus, Berta. Será o venres, 23 de maio, ás 19.30 horas no Cine Elma e incluirá, non só a propia proxección, senón tamén unha charla-faladoiro co director, Fernando Tato, e con membros do equipo de produción, cóctel, DJ e photocall. Así o confirmou, esta mañá, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, durante a presentación da actividade que se converte “nunha oportunidade única para gozar dunha obra ambientada no noso municipio”, explicou a edil. Lojo animou á cidadanía a sumarse á actividade e a gozar dunha peza “na que aparecerán lugares moi recoñecibles para calquera veciño ou veciña”. A responsable de Cultura estivo acompañada polo director, Fernando Tato, polo produtor, Adrián Castiñeiras, e pola técnica municipal da área.
Adeus, Berta conta a historia de Alicia, unha rapaza chega á casa dos seus pais na Pobra, lugar onde se volve atopar coa súa irmá Berta, que acaba de saír dun centro de rehabilitación. Nesta situación, Alicia acaba por mudarse á Pobra, escenario do reencontro e tamén lugar onde ambas as irmás terán que curar as súas vellas feridas.
A entrada é de balde ata completar aforo, e o público poderá gozar tanto da propia curtametraxe como dunha charla-faladoiro na que terá a oportunidade de expor as súas dúbidas ao equipo de produción. A proposta completarase cun cóctel, sesión de DJ e photocall.

Xoga ao baile deportivo
O Concello presentou tamén esta mañá Xoga ao Baile Deportivo. Trátase dun programa que Taller Alecrín realizará no CEP Plurilingüe Salustiano Rey Eiras en colaboración coa Concellería de Cultura. O obxectivo desta iniciativa é achegar á rapazada diferentes modalidades de baile deportivo.

A actividade realizarase entre mañá, mércores 21 de maio, e o venres, día 23, en horario de 12.00 a 14.00 horas. Na primeira sesión, os nenos e nenas aprenderán o valse inglés e o valse vienés, mentres que na segunda a rumba e o chachachá serán os grandes protagonistas. Durante a última xornada haberá unha competición na que os estudantes terán a ocasión de demostrar todo o que aprenderon durante Xoga ao Baile Deportivo.




