
A Pobra esgota as prazas dispoñibles no seu primeiro curso de intelixencia artificial
O Concello concluíu, esta mañá, a primeira semana de formación do curso de intelixencia artificial organizado desde a Concellería de Mocidade. O programa formativo, que se retomará o 28 de xullo, cubriu todas as prazas dispoñibles.
Nas primeiras leccións fíxose unha introdución á intelixencia artificial e abordáronse, ademais, as ferramentas de IA baseadas en texto e o uso de aplicacións sinxelas de tradución e corrección de textos. Nas seguintes, o alumnado aprenderá a usar programas de asistencia informática e programación na ofimática e, ademais, coñecerá os aspectos sociais e éticos da IA.
O doutor en Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, Ramón Barral Lijó, está impartindo a formación. Barral Lijó conta cunha ampla traxectoria docente en España e noutros países como Xapón.
As sesións da vindeira semana desenvolveranse entre o luns, 28 de xullo, e o xoves, día 31, de 11.00 a 13.00 horas, na aula de informática da Casa da Mocidade.



