
A Pobra presenta o Verán Cultural 2026
O Concello da Pobra do Caramiñal deu a coñecer este luns o Verán Cultural 2026, unha ampla proposta que encherá de música, teatro, narración oral, maxia e espectáculos familiares os meses de xullo e agosto, coa finalidade de achegar a cultura á veciñanza e dinamizar os espazos públicos do municipio.
A presentación estivo a cargo da concelleira de Cultura, Patricia Lojo, acompañada da técnica municipal de Cultura, Fita, responsable da coordinación da iniciativa.
Durante a súa intervención, Patricia Lojo destacou a aposta do Concello por un calendario diverso, accesible e pensado para públicos de todas as idades.
“Queremos seguir facendo da cultura un punto de encontro e participación. Traballamos para ofrecer unha proposta diversa que anime á veciñanza a saír á rúa, compartir tempo e desfrutar do noso concello. Entendemos a cultura non só como unha oferta de lecer, senón tamén como unha ferramenta que dinamiza os espazos públicos e contribúe a facer da Pobra un concello máis vivo.”
A concelleira agradeceu tamén a implicación de todas as persoas e entidades que colaboran nesta edición e salientou especialmente o labor de Fita á fronte da coordinación de todas as citas previstas.
Pola súa banda, Fita foi a encargada de debullar o calendario, que arrincará esta mesma fin de semana coa programación para público adulto do Festival Atlántica. O venres 3 de xullo, os xardíns do Pazo do Couto acollerán Raianas, de Irene Reina e Ricardo J. Martins, mentres que o sábado 4 será a quenda de Contiñas, de Marita Martínez, no Convento de Santo Antón. Ambos os espectáculos darán comezo ás 21.00 horas.
Ao longo dos meses de xullo e agosto sucederanse propostas para o público infantil e familiar con música, maxia, teatro, novo circo, acrobacias e animación da man de Os Jalochos, Xavi Bufa, Joshua Kenneth, A Xanela do Maxín, Sue Moreno, Nelson Quintero Produccións, Inventi Teatro, Rendos Pequeno e María Faltri.
A música terá igualmente un protagonismo destacado, con concertos da Banda de Música da Pobra e da Banda de Música Candeán. A esta programación sumaranse dous encontros de música e baile tradicional organizados pola Asociación Xiada, o festival Caramiñas, promovido pola Asociación Amas de Casa, e o tradicional Encontro de Habaneras, tamén impulsado por esta entidade.
A maior parte das citas desenvolveranse no Cantón da Leña, aínda que tamén chegarán a outros espazos emblemáticos da vila, como os xardíns do Pazo do Couto, o Convento de Santo Antón e a Igrexa de Santiago do Deán.
O Verán Cultural 2026 conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña e do programa Cultura no Camiño da Xunta de Galicia, reforzando así o compromiso do Concello da Pobra do Caramiñal cunha programación estable, variada e de calidade para desfrutar da cultura durante todo o verán.





