
A XXI Bandeira Concello da Pobra e a III Bandeira Feminina volverán reunir o mellor remo galego este sábado
O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá a XXI Bandeira Concello da Pobra e a III Bandeira Feminina Concello da Pobra, dúas citas xa consolidadas no calendario da Liga Galega de Traiñeiras que se disputarán o vindeiro sábado 4 de xullo no peirao comercial da vila. Na presentación participaron o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e representantes do Club de Remo Puebla.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou a importancia dunha competición que combina deporte, tradición e promoción do municipio. Sinalou que o remo forma parte da identidade mariñeira da Pobra e que eventos coma este contribúen a dinamizar a economía local, atraer visitantes e proxectar a imaxe do concello máis alá das súas fronteiras. Tamén puxo en valor a consolidación da III Bandeira Feminina Concello da Pobra, unha mostra da aposta por un deporte cada vez máis igualitario.
José Carlos Vidal agradeceu o labor do Club de Remo Puebla, así como a implicación das persoas voluntarias, das administracións colaboradoras, das entidades patrocinadoras e de todas aquelas persoas que fan posible a celebración desta regata edición tras edición. Ademais, reafirmou o compromiso do Concello co deporte, non só polos éxitos competitivos, senón tamén polos valores que transmite, como o esforzo, a superación, o compañeirismo e o traballo en equipo, ademais de fomentar hábitos de vida saudables.
A XXI Bandeira Concello da Pobra disputarase sobre un percorrido de 5.556 metros, con seis longos e catro rúas. A competición masculina dará comezo ás 17.00 horas e repartirá un total de 5.000 euros en premios.
Pola súa banda, a III Bandeira Feminina Concello da Pobra celebrarase a partir das 18.00 horas sobre un percorrido de 2.772 metros, con tres longos e catro rúas. A proba repartirá 7.560 euros en premios e consolídase como unha das citas máis destacadas do calendario feminino da Liga Galega de Traiñeiras.
O Concello da Pobra do Caramiñal anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse este sábado ao peirao comercial para desfrutar dunha xornada de remo de primeiro nivel e apoiar as tripulacións participantes nunha das citas deportivas máis relevantes do verán.




