
A XXXIV Festa da Bici Solidaria reunirá participantes de todas as idades o 12 de xullo
A Pobra do Caramiñal acollerá o domingo 12 de xullo a XXXIV Festa da Bici Solidaria, unha cita lúdica e non competitiva aberta á participación de persoas de todas as idades. A xornada contará cun máximo de 350 participantes e terá a saída e a chegada na praza Alcalde Segundo Durán.
As inscricións poderán realizarse a partir das 10.15 horas. Para participar será necesario achegar 1 quilo de alimentos non perecedoiros, que se destinarán a entidades locais de Cáritas, sendo obrigatorio o uso do casco.
A saída está prevista para as 11.15 horas. A organización establece dous percorridos adaptados ás diferentes idades e niveis: un de aproximadamente 1,6 quilómetros, dirixido a menores de 8 anos e ás persoas que precisen acompañamento, e outro de 9,5 quilómetros, destinado a participantes maiores de 8 anos.
Como novidade da xornada, celebrarase tamén o sorteo dunha bicicleta e doutros agasallos doados por empresas locais.
O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, animou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta nova edición da Festa da Bici Solidaria e destacou que se trata dunha iniciativa que promove hábitos de vida saudables, fomenta a práctica deportiva en familia e incorpora un marcado carácter solidario grazas á recollida de alimentos destinados ás entidades locais de Cáritas.
Toda a información sobre a XXXIV Festa da Bici Solidaria pode consultarse en: Memoria da XXXIV FESTA DA BICI-2026




