
Teresa González e Toña Somoza presentan «Universos Cromáticos»
A exposición de pintura inaugúrase este venres, 4 de setembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler
A Casa da Cultura Raquel Fernández Soler acollerá durante o mes de setembro Universos Cromáticos, unha exposición de pintura de Teresa González e Toña Somoza. A inauguración celebrarase este venres, 4 de setembro, ás 20.30 horas.
O acto contará coa participación da concelleira de Cultura, Patricia Lojo, e será presentado por Manuel Teira. A cita estará acompañada, ademais, pola música tradicional do grupo Xiada.
A proposta reúne dúas maneiras persoais de entender a pintura, froito das traxectorias de dúas creadoras cunha linguaxe definida e recoñecible e cun percorrido marcado pola dedicación e a paixón pola arte.
Toña Somoza presenta unha colección cun importante compoñente imaxinativo, na que a figuración funciona como elemento referencial e expresivo. A súa mirada surrealista dá lugar a escenas cargadas de cor, luz e movemento, con reminiscencias do cómic e influencias do impresionismo.
Teresa González, pola súa parte, constrúe un territorio creativo máis ligado á intimidade, aos silencios e á creación de atmosferas. Nesta entrega conviven diferentes expresións pictóricas, desde a abstracción ata o emprego de arpilleiras e costuras, con pezas que abordan tamén as relacións humanas desde unha linguaxe sensible e persoal.
Universos Cromáticos poderá visitarse durante o mes de setembro na Casa da Cultura Raquel Fernández Soler. A iniciativa forma parte da programación da Concellería de Cultura da Pobra do Caramiñal.



