Últimas Novas

Os Reis Magos percorrerán o municipio da Pobra

Os Reis Magos percorrerán o municipio da Pobra

Un total de 244 nenas e nenos están inscritos para as videochamadas coas súas maxestades os Reis do Oriente, as cales terán lugar no 5 de xaneiro. Así mesmo, o Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e da Concellaría da Seguridade, da cal é titular o seu homólogo, José Andrés Lojo (Nós Pobra), anuncia que os cativos e cativas pobrenses terán a oportunidade de veren Melchor, Gaspar e Baltasar pasando polo municipio, pois chegarán a tódalas parroquias.

O itinerario previsto é o que segue: O Campiño, Cercias, O Arcebispo, A Lombiña, O Alto do Maño, igrexa do Maño, Vilariño, A Carballeira da Silva, O Castro, A Pontenaveira, A Mirandela, Xunqueiras, rúa Venecia, A Figueira, O Camiño Ancho, A Tomada, Lesón, As Pedriñas, A Granxa, Rosamonde, O Rego, Tarrío, San Lázaro, A Poza de Moraña, As Pontes, A Crocha, A Ponte Barbanza, As Romeiras, Santa Cruz, Roupión, A Banda, O Sanguilexo, Santo Isidro, O Pumadiño, Os Casás, Vilariño, Ouxo, escola do Campo, A Ribeiriña, A Angustia, A Lomba, San Lázaro e centro urbano.

A saída está programada para as 15.30 e o remate para as 19.30 horas, aproximadamente. Establécense distintos tramos: de Caíños ao Campiño (de 15.30 a 16.00 horas); do Campiño a Venecia (de 16.00 a 16.30 horas); de Venecia a Santa Cruz (de 16.30 a 17.00 horas); de Santa Cruz á Crocha (de 17.00 a 17.30 horas); da Crocha a Vilariño (de 17.30 a 18.00 horas); de Vilariño ao Conchido (de 18.00 a 18.30 horas); do Conchido á Covecha (de 18.30 a 19.00 horas) e rematará no centro urbano (a partir das 19.00 horas).

No transcurso do percorrido contarase coa colaboración da Policía local e da Protección Civil. Os mapas figuran abaixo e tamén se pode descarga-lo das parroquias premendo aquí. O referido itinerario tamén se pode consultar na seguinte ligazón: Wikiloc | Ruta Paseo pola Pobra das SS. MM. os reis magos.

Ademais, a ruta poderase seguir por streaming a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal, así como coñece-lo lugar no cal se atopan os Reis. Recoméndase face-lo seguimento dende as propias casas ou achegarse a un lugar seguro onde se poidan cumpri-las medidas de seguridade.