17 de maio, Día das Letras Galegas: contacontos musicado, homenaxe a ANTONIO FRAGUAS
Cada 17 de maio é o Día das Letras Galegas, festividade en que tódolos anos homenaxeamos unha figura destacada da literatura e da cultura na nosa lingua.
Celébrase dende 17 de maio de 1963, data do centenario da primeira edición dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, poetisa principal do Rexurdimento literario galego.
Neste ano 2019 dedicámo-lo Día das Letras Galegas a Antonio Fraguas Fraguas (1905-1999), historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista.
Foi cofundador da Sociedade da Lingua (1923), membro das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, da Real Academia Galega (xefe da sección de Etnografía e Folclore), do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, membro fundador e tesoureiro do Padroado Rosalía de Castro, cofundador e director do Museo do Pobo Galego, e membro do Consello da Cultura Galega (coordinador da sección de Antropoloxía Cultural).
Neste venres 17 maio, DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019, ás 12.30 h nos xardíns Valle-Inclán haberá un contacontos musicado denominado “Canta, miña pedra, canta“, interpretado por Charo Pita e Xoán Curiel; un espectáculo que xira ó redor de relatos populares e cancións de Antonio Fraguas.
Repartiranse tamén 200 exemplares do libro O fillo do rei e outros contos populares, da editorial Galaxia, unha pequena antoloxía de narracións tradicionais da Galiza seleccionadas por Quique Harquindey e Maruxa Barrio.